xoves, 21 de novembro de 2013

ESTE CURSO 2013-2014 MONTENTERÁMONOS

O ano pasado cando viñemos visitar o instituto  alumnos e alumnas que agora están en segundo achegáronnos ao Caballal de Coiro explicando  a exposición na que amosaban as súas aprendizaxes.
Este curso seguimos aprendendo deles cando viñeron ás nosas aulas e presentaron o blog. Lembráronos a importancia de respectar as normas dun camiñante ecoloxista e insistiron moito en que prestásemos atención especial aos comuneiros e comuneiras pois é a el@s a quen lles debemos a conservación do monte.
Aquí podemos ver a Sergio, Ancor, Xian e Uxía auténticos divulgadores e divulgadora  da nosa contorna e da nosa lingua.

Se queremos saber o que é unha estreliña riscada, un paporroibo, un pipistrelus pipistrelus, un couselo, un estralote, un érbedo, un ameneiro... e moitas outras cousas máis , temos que consultar este blog que nos ensina a vida no  Carballal da nosa parroquia.


mércores, 26 de xuño de 2013

Temos un proxecto con futuro

De foto futuro
Nós xa coñecemos o Carballal de Coiro e agora queremos traballar en mancomún na defensa deste espazo natural da nosa contorna.



Carta dun alumno de 2º ESO no ano 2230 aos políticos ambientais.

Bos días señores políticos ambientais:

Veño dende o futuro para que vexades o mal que o estades facendo e o mal que coidades a Natureza da que, sin sabelo, disfrutades. Agora mesmo eu non podo sentir o sol nin a brisa da auga da praia, non podo respirar o osíxeno que producen as árbores, non podo ir polo monte e pensar o medo que me daría atoparme cun lobo ou cun raposo. O que eu quero e sentir todas estas cousas.

O outro día, buscando información, atopei cousas sobre un lugar no que hai moita natureza, no que hai vida, chamado “Carballal de Coiro”. Sinceramente, nin eu nin ninguén cría que puidera existir algo así; ata os meus fillos pensaron que estaba tolo. Puido existir algo así e que vós  non o coidárades? Sona incrible, é algo que non colle na cabeza de ninguén, pero foi certo.

No fondo só vos pido que pensedes en todo o que tedes, porque é o máis grande que ides a ter nunca, e no futuro tamén queremos disfrutar de todas estas cousas. Por favor, aínda que sexa un pouco tarde, recapacitade.

Un saúdo.

PD: grazas a todas as persoas que se comprometen no coidado do Carballal.

DIVULGAMOS

En xuño tivemos unha visita moi especial, os nenos e nenas  de 6º dos coles da Rúa e Coiro achegáronse a coñecer o instituto. Nós  quixemos recibilos compartindo con todos a nosa experiencia, así convertémonos en auténticos divulgadores e divulgadoras. Agardamos que o curso que ven poidamos ilusionarnos xunt@s e seguir gozando e aprendendo neste noso espazo natural.


Maio longo. O carballal no instituto

O día internacional da  Biodiversidade, cubrimos as paredes do instituto de verde e asumimos a tarefa de divulgar mediante un gran mural todo o que aprendemos no carballal de Coiro, un espazo do noso concello que, grazas á Comunidade de Montes, segue conservando toda a biodiversidade propia do bosque autóctono galego.
Pero no só enchemos os corredores de verde, enchémolos tamén de sons, porque as palabras son sons  “ferreiriño, estralote, xilbarbeira…palabras vida que nos deron as voces galegas tamén en maio.


xoves, 13 de xuño de 2013

A denuncia




Contaminadores do aire puro e da auga
humilde, casta e cristalina
Incendiarios da sagrada fraga
misteriosa,cantora e ancestral.
Asasinos de paxaros
Verdugos.
de todo canto ama vive e canta.
 
As  palabras de Manuel María poderían  servir  para calificar aos que deixan estas pegadas  nun espazo natural que é de tod@s.

martes, 11 de xuño de 2013

A fauna, unha veciñanza moi rebuldeira


O carballal da acubillo a gran diversidade de animais. Os bulideiros insectos agóchanse nas gretas da codia, aves e mamíferos aniñan na súa ramallada, nos ocos dos troncos ou nas raíces e hainos que son visitantes comensais. Todos son fuxidíos e non se deixan ver. Nós tiñamos os nosos apuntamentos e buscamos as imaxes en Internet.


De toda a fauna que vive neste bosque o que máis abonda son paxaros. Quen nos dera aprender a distinguir os seus cantos como Sol, que cada pouco nos di: “escoitade  a estreliña riscada, por alí canta o ferreiriño, non asustedes ao peto verdeal…”. Por iso queremos seguir véndoos.

Flora, a botica


Fixemos moitas, pero moitas fotos  da flora. Deu bastante traballo seleccionalas e contrastar a información pero así fomos aprendendo un montón.

Con Sol, Manolo e Miguel, ás veces, sentímonos como nunha botica na que quixeramos atopar remedios para todos os males.

martes, 7 de maio de 2013

No río Bouzós




“Vai por diante un río xordo,

Detrás arrepuxando o noso pulo.”

(X. Vázquez Pintor)




Chegou a hora de repoñer forzas para seguir o camiño e non hai mellor sitio para compartir unha boa merenda que a beira dun río. Iso si sempre en harmonía coa natureza e deixando todo como estaba. Queremos seguir achegándonos ata aquí de vez en cando e comprobar que todo mellora.





Cruzamos o río e aínda adamos un bo cacho na compaña dos seus sons, e o río tróuxonos…
Palabras de auga

 

Pasa río,pasa río

co teu maino rebulir

pasa, pasa ante a froliñas

color de ouro marfil,

a quen cos teus doces labios

tan doces cousas lle dis.

(ROSALÍA DE CASTRO)  

 

SAÍDA AO CARBALLAL (o relato)


De volta ao insti tocou traballar, tiñamos que ver todas as fotos e comparar toda a información dos cadernos, pero agora estudiabamos no libro das realidades: da realidade observada, da realidade vivida, da realidade compartida...

luns, 6 de maio de 2013

O bosque en abril


Vimos o bosque en abril cando todo  empeza a agromar, os acios florais se preparan para a polinización  e as landras do ano anterior xermolan na terra, para emprender a súa aventura.


Todos estes son agasallos que nos dá a natureza, en concreto O Carballal de Coiro. Nós só demos o primeiro paseo por este lugar que aínda temos que descubrir. Estamos desexando velo en outono.


As árbores máis admiradas

Moit@s demos en coincidir retratando as mesmas árbores. Sobre todo unha carballa que é así como se lle di a  un carballo de moitos anos. Nós démoslle un abrazo en sinal de respecto e reivindicación. Son as árbores adultas as que acubillan máis vida. Estes son algúns  dos nosos ollares.


TEORIA DO ABRE
O berce foi antes arbre.
Berce do arbre é o vento,
O arbre filho da terra,
Danos sombra i alimento.

xoves, 2 de maio de 2013

Polos camiños da fraga



De sutaque sorprendín a mañá
entrando na vila, cantando da mao da fina chuvia.
Cos pés espidos e mollados
viña dos camiños verdes, profundos.
                               Luís Pimentel

“En abril augas mil” di o refrán  pero a nós tróuxonos o día do tan esperado paseo polo Carballal .
Con mochila ao lombo, auga e froita, caderniños en man, organizados en equipos de 5 e con cámara fotográfica aló fomos “polos camiños da fraga”...


Como auténticos naturalistas observamos, fixemos fotos e escoitamos aos nosos acompañantes da XX de MM, Manolo, Miguel e Sol, sen perder detalle. Apuntamos todo nos cadernos. Canta sabedoría garda o Carballal!



venres, 22 de marzo de 2013

COMUNIDADE DE MONTES DE COIRO: @s nos@s guías


UNHA VEZ

 Unha vez houbo un home

Que nunca dixo ,meu.

Petóu nas portas do mundo,

Chamóu no meu corazón ...     (Celso Emilio Ferreiro)


Os homes e mulleres da mancomunidade de montes nunca din meu e grazas ao seu labor de recuperación e coidado do monte é que hoxe podemos gozar deste espazo natural.

 Nós tivemos a sorte de que nos contaxiaran co seu entusiasmo o amor pola natureza e o traballo comunitario. De  xeito totalmente altruísta colaboran cos centro educativos na  trasmisión de valores ecoloxistas .

Con eles aprendemos o verdadeiro significado de MAN COMÚN.




Interesáronnos moito os valores nos que se fundamenta o concepto de monte en man común. Investigamos e atopamos este documental. Unha xoia que non podemos perder  (http://www.cmg.xunta.es/visor/dspace.asp?TIPO=VIDEO&COD=714


Danos moito orgullo saber que a xestión comunal do monte é unha característica propia  de Galicia e que  mesmo está a ser utilizada para explicar  o concepto de  “procomún” comparándoa  co folklore e o software libre como formas de autoxestionar un ben de forma colaborativa establecendo  normas que buscan garantir a sostenibilidade dese ben. Non deixedes de visitar este enlace.


mércores, 13 de marzo de 2013

Normas do sendeirista


Todo mundo está a falar nos corredores da nosa saída á fraga e sempre hai alguén que nos fai algunha achega. Esta vez trouxéronnos a peli “o bosque animado”. Está guai. Alí os animaliños saúdanse dicindo “ que o home te ignore”. Nós para facer o noso paseo como debe ser elaboramos un listado de normas e, ademais das postas en común nas clases, levámolo  para  ler en familia.

De normas dun sendeirista

venres, 15 de febreiro de 2013

Usos do carballo


“Forte coma un carballo”, esta expresión vén da calidade da madeira desta árbore. Aprendemos como o seu aproveitamento vén dende moi atrás non sempre de xeito sostible. Agora debemos comprometernos no coidado das carballeiras que sobreviven.

xoves, 17 de xaneiro de 2013

Buscamos información na biblioteca



Na espera do noso paseo, seguimos aprendendo moito da importancia do bosque caducifolio autóctono que un día tamén cubriu o interior da nosa vila. Aproveitamos e formámonos como usuari@s da biblioteca.
Temos que saber interpretar os números e as letras das etiquetas dos libros: titulo, autor, sección…Divírtenos subir e baixar a escaleira e por fin atopar o tan ansiado libro. Pero o que realmente queremos é tocar as árbores reais.