martes, 11 de novembro de 2014

COMEZAMOS UN NOVO CURSO

Este curso estamos a preparar moitas actividades cos alumnos de 1º da ESO ó redor da Carballeira de Coiro. Con todas estos traballos intentaremos utilizar  tamén este medio noso coma unha aula de aprendizaxe incomparable.


FACEMOS UN HERBARIO

 
Comezamos no primeiro trimestre aprendendo a secar e prensar plantas. Fixemos uns herbarios coas follas das árbores máis frecuentes no Carballal. Clasificámolas e estudamos os seus nomes científicos, galegos e casteláns.
Xa podemos ir polo monte falando de castiñeiros, ameneiros, carballos. loureiros........




venres, 20 de xuño de 2014

BRINDE DA FRAGA AMIGA



BRINDE DA FRAGA AMIGA

Fagamos torres de babel en verde.
En árbores diversas como as linguas.
Fagamos torres de babel en vasos
comunicantes, saiba monte arriba,
manto e mornura con lentor de follas...
fagamos torres fraternais, selváticas 
de entrelazo de brazos que concerta e vibra.

Fagamos torres de babel en soutos,
carballeiras profundas, romarías,
sombras ledas de erguermos aturuxos,
gaitas, fervenzas, voz de furnas íntimas
onde medran as raíces do misterio,
ventos a vir con furia desde as costas,
da nosa xente ao lonxe, de saudades, de iras.

Bamboleemos o loureiro, as cepas
de encadreladas e vizosas viñas,
sebes, devesas, touzas ou xesteiras,
herbas ou flores frescas baixo as brisas,
mesturación de plantas e paxaros tolos
nunha selva confusa en harmonía.

Ergueremos os brazos, dura a testa, os ollos 
moi abertos, coas ansias, a porfía,
como os gomos e as uces, no enguedello
no madurar  de froitos de vivencia amiga.
E afundiranse as mans negras que incendian.
E triunfará a alegría.
E triunfará a alegría!  
Himno verde, Bernardino Graña.

SONS DA NATUREA. SONS DA FALA.
O paseo polo carballal resultou ser unha descoberta, un goce dos sons da natureza e dos sons da fala. Paxaros, sons de piñas, augas, lendas...fan do espazo natural e da lingua un lugar común que celebrar.

Nós queremos deixar estas palabras do noso poeta e poeta do mundo a madurar nas nosas mentes comprometidas para poder ter máis vivencias amigas. E triunfará a alegría!

domingo, 15 de xuño de 2014

PALABRAS COMPARTIDAS

Con estas actividades establecemos un auténtico diálogo cos veciños e veciñas, que resultaron ser verdadeiros axentes socializadores. Unha vez máis xunt@as descubrimos unha natureza e unha lingua que nos une,  por iso insistimos na importancia do seu coidado porque ámbalas dúas están en perigo de extinción.
 Neste diálogo quixemos agradecerlles, nun sinxelo pero afectuoso acto, todas as experiencias que compartiron con nós.
Eles non perderon a ocasión para mostrar interese polas actividades feitas no instituto e para lembrarnos a tradición de recoller herbas para facer o cacho.

Cacho from ferreiriño on Vimeo.

sábado, 14 de xuño de 2014

PINTA A TÚA ALDEA E PINTARÁS O MUNDO.

Tendo  esta cita de Tolsto tamén como referencia,  reflexionamos sobre a importancia da nosa natureza e valoramos o traballo das persoas que a coidan e comparten con nós todo o seu saber de xeito desinteresado.Porque cada pequeno paso que damos conta, Expuxemos as palabras de todos e todas, o zume necesario para unha árbore común.

venres, 13 de xuño de 2014

O FROITO DA INVESTIGACIÓN: APADRIÑAMENTO DE PALABRAS. ELABORACIÓN DE DÍPTICOS

Foron moitas as palabras  que escoitamos. Algunhas só as coñeciamos de ter consultado este blog, outras eran totalmente novas para nós. Todas resultaron un verdadeiro agasallo escoitadas nas voces das persoas do Monte en mancomún, que nos guiaron e explicaron con tanta claridade. Quixemos apadriñar algunha e fixemos marcapáxinas. Tamén elaboramos dípticos que recollen a información dos nosos apuntamentos. Todo isto fixémolo consultando os cadernos de traballo que leváramos ao monte.

mércores, 11 de xuño de 2014

PROTEXEMOS O HÁBITAT

Tomamos conciencia da importancia de protexer o hábitat e dos perigos que pode producir calquera neglixencia.
Temos que poñer moito coidado para evitar os efectos negativos en cadea.

protexemos o hábitat from ferreiriño on Vimeo.

HÁBITAT PRIORITARIO

A carballeira é un hábitat prioritario. Sol amósanos un carballo vello como exemplo do que ten que haber en todas as carballeiras. Porque é unha fonte de vida.
Explícanos como o ser humano pode aproveitar a leña sen necesidade de danar a árbore.

habitat prioritario vimeo from ferreiriño on Vimeo
Non é válido que un monte estea só ao servizo do ser humano. Ten que servir a todos os seres vivos : ratos, aves...
  .

VIDA ARREDOR DA CARBALLEIRA

Arredor dunha árbore coma esta hai moitísima vida, cousa que non encontramos arredor dun eucalipto. O carballo ofrece alimento a animais, ofrece servizo aos homes ...

vida arredor do carballal vimeo from ferreiriño on Vimeo.

TOPONIMIA

Seguimos con Pepe, un mariñeiro arraigado á terra que nos explica o porqué dos topónimos.
Acompáñanos o seu neto que escoita con atencións as palabras de seu avó.

TOPONIMIA from ferreiriño on Vimeo.

xoves, 5 de xuño de 2014

LENDA NO RÍO BOUZÓS

Na parada no río Bouzós Manolo Boubeta cóntanos historias...Entre nós está o seu neto. Tod@s gozamos coa forza da súa memoría, da súa palabra.

lenda vimeo from ferreiriño on Vimeo.
                                   “NO MONTE DA PENA”
Era un pastor que andaba coas ovellas no monte e un día fijouse de que ensima da pedra había unha mosa moi fermosa, cos cabelos moi longos e era unha presiosidá. Entón el lle dixo se se quería casar con el e ela lle dixo que estaba alí encantada e para casarse co ela tiña que el romper o encanto para que ela saíra dalí.
Como tiña que facer o pastor? Ir á noite de sanxuán ás 12 da noite e ela sairía rodando en forma de pedra dun muíño polo monte abaixo e aquel que a parara sería o que se casara co ela e romperían o encanto.
O home despois de senar foise polo monte arriba , esperou a que deran as 12, pero cando ía subindo xa sentiu un ruido mui forte entón mirou que viña unha pedra rodando polo monte abaixo, o tío acojonouse, apartouse e a pedra seguiu rodando.

 

mércores, 4 de xuño de 2014

CRUZANDO O RÍO BOUZÓS


O río levaba os ollos
ailalálo
soñando brinquedos brancos
nenos despertos soñando. 
Álvaro Cunqueiro

cruzando o rio vimeo from ferreiriño on Vimeo. 
Cruzamos o río mentres Manolo segue aprendéndonos...

APRECIANDO O PRÓXIMO

Cruce de camiños.
 De camiño ao río Bouzós Pepe fainos reflexionar sobre a importancia de coñecer e valorar o lugar onde vivimos.

apreciando o noso vimeo from ferreiriño on Vimeo.

martes, 3 de xuño de 2014

PLANTAS E COGUMELOS


Observamos as plantas. Entusiasmámonos cos nomes  científicos e  aprendemos a protexer os nomes galegos. Miramos de cerca un cantarelo e atopamos  unha flor case única .

plantas vimeo from ferreiriño on Vimeo.

ÁRBORES

Admiramos  unha cereixeira na busca da luz.
Sobe ás nubes
vertical
en goce
voando
( Bernardino Graña)

arbores vimeo from ferreiriño on Vimeo.
No Carballal descubrimos a riqueza do noso bosque . Iniciámonos na identificación das árbores e gozamos con algunha curiosidade. Aquí tedes unha pequena mostra.

luns, 2 de xuño de 2014

MONTE COMUNAL: O LUGAR QUE UNE.


Un cantar pola túa boca 
pero un cantar comunal 
non privado, solidario
o verdadeiro cantar.
(Bernardino Graña)


Chegou a hora de ir ao Carballal e alí puidemos escoitar tres xeracións a falar con entusiasmo do lugar que coñecen e que lles dá a vida porque os conecta co seu. Así camiñando polo espazo que compartimos chegamos ao lugar que nos une.
 

xunta de montes vimeo from ferreiriño on Vimeo.
Manolo explícanos o significado de Monte comunal.
 O monte común é de toda a veciñanza e de ninguén en particular. Consérvase a expresión “casa con fume todo o ano “ para demostrar que se vive na parroquia.
Os veciños e veciñas que están na xunta de montes son voluntari@s. Realizan labores de poda, limpeza...de xeito desinteresado. O seu traballo revirte nunha mellora para a comunidade. Resultan moi interesantes  as actividades socializadoras que promoven. 
Grazas tamén por aprendernos tantas cousas nestes paseos polo Carballal.

domingo, 23 de marzo de 2014

Árbore e poesía

NATUREZA E PALABRA Unha festa común.
O 21 de marzo  Día da Poesía e Día da Árbore recollemos  o relevo e seguimos entendendo que as palabras son vida. Esta vez cubrimos unha árbore con poemas en galego que fomos escollendo entre os libros que estaban no corredor.
Coidamos da natureza. Coidamos das palabras.