martes, 7 de maio de 2013

No río Bouzós




“Vai por diante un río xordo,

Detrás arrepuxando o noso pulo.”

(X. Vázquez Pintor)




Chegou a hora de repoñer forzas para seguir o camiño e non hai mellor sitio para compartir unha boa merenda que a beira dun río. Iso si sempre en harmonía coa natureza e deixando todo como estaba. Queremos seguir achegándonos ata aquí de vez en cando e comprobar que todo mellora.





Cruzamos o río e aínda adamos un bo cacho na compaña dos seus sons, e o río tróuxonos…
Palabras de auga

 

Pasa río,pasa río

co teu maino rebulir

pasa, pasa ante a froliñas

color de ouro marfil,

a quen cos teus doces labios

tan doces cousas lle dis.

(ROSALÍA DE CASTRO)  

 

SAÍDA AO CARBALLAL (o relato)


De volta ao insti tocou traballar, tiñamos que ver todas as fotos e comparar toda a información dos cadernos, pero agora estudiabamos no libro das realidades: da realidade observada, da realidade vivida, da realidade compartida...

luns, 6 de maio de 2013

O bosque en abril


Vimos o bosque en abril cando todo  empeza a agromar, os acios florais se preparan para a polinización  e as landras do ano anterior xermolan na terra, para emprender a súa aventura.


Todos estes son agasallos que nos dá a natureza, en concreto O Carballal de Coiro. Nós só demos o primeiro paseo por este lugar que aínda temos que descubrir. Estamos desexando velo en outono.


As árbores máis admiradas

Moit@s demos en coincidir retratando as mesmas árbores. Sobre todo unha carballa que é así como se lle di a  un carballo de moitos anos. Nós démoslle un abrazo en sinal de respecto e reivindicación. Son as árbores adultas as que acubillan máis vida. Estes son algúns  dos nosos ollares.


TEORIA DO ABRE
O berce foi antes arbre.
Berce do arbre é o vento,
O arbre filho da terra,
Danos sombra i alimento.

xoves, 2 de maio de 2013

Polos camiños da fraga



De sutaque sorprendín a mañá
entrando na vila, cantando da mao da fina chuvia.
Cos pés espidos e mollados
viña dos camiños verdes, profundos.
                               Luís Pimentel

“En abril augas mil” di o refrán  pero a nós tróuxonos o día do tan esperado paseo polo Carballal .
Con mochila ao lombo, auga e froita, caderniños en man, organizados en equipos de 5 e con cámara fotográfica aló fomos “polos camiños da fraga”...


Como auténticos naturalistas observamos, fixemos fotos e escoitamos aos nosos acompañantes da XX de MM, Manolo, Miguel e Sol, sen perder detalle. Apuntamos todo nos cadernos. Canta sabedoría garda o Carballal!