BRINDE DA FRAGA AMIGA
Fagamos torres de babel en verde.
En árbores diversas como as linguas.
Fagamos torres de babel en vasos
comunicantes, saiba monte arriba,
manto e mornura con lentor de follas...
fagamos torres fraternais, selváticas
de entrelazo de brazos que concerta e vibra.
Fagamos torres de babel en soutos,
carballeiras profundas, romarías,
sombras ledas de erguermos aturuxos,
gaitas, fervenzas, voz de furnas íntimas
onde medran as raíces do misterio,
ventos a vir con furia desde as costas,
da nosa xente ao lonxe, de saudades, de iras.
Bamboleemos o loureiro, as cepas
de encadreladas e vizosas viñas,
sebes, devesas, touzas ou xesteiras,
herbas ou flores frescas baixo as brisas,
mesturación de plantas e paxaros tolos
nunha selva confusa en harmonía.
Ergueremos os brazos, dura a testa, os ollos
moi abertos, coas ansias, a porfía,
como os gomos e as uces, no enguedello
no madurar de froitos de vivencia amiga.
E afundiranse as mans negras que incendian.
E triunfará a alegría.
E triunfará a alegría!
Himno verde, Bernardino Graña.
O paseo polo carballal resultou ser unha descoberta, un goce dos sons da natureza e dos sons da fala. Paxaros, sons de piñas, augas, lendas...fan do espazo natural e da lingua un lugar común que celebrar.
Nós queremos deixar estas palabras do noso
poeta e poeta do mundo a madurar nas nosas mentes comprometidas para poder ter máis vivencias amigas. E triunfará a alegría!