venres, 20 de xuño de 2014

BRINDE DA FRAGA AMIGA



BRINDE DA FRAGA AMIGA

Fagamos torres de babel en verde.
En árbores diversas como as linguas.
Fagamos torres de babel en vasos
comunicantes, saiba monte arriba,
manto e mornura con lentor de follas...
fagamos torres fraternais, selváticas 
de entrelazo de brazos que concerta e vibra.

Fagamos torres de babel en soutos,
carballeiras profundas, romarías,
sombras ledas de erguermos aturuxos,
gaitas, fervenzas, voz de furnas íntimas
onde medran as raíces do misterio,
ventos a vir con furia desde as costas,
da nosa xente ao lonxe, de saudades, de iras.

Bamboleemos o loureiro, as cepas
de encadreladas e vizosas viñas,
sebes, devesas, touzas ou xesteiras,
herbas ou flores frescas baixo as brisas,
mesturación de plantas e paxaros tolos
nunha selva confusa en harmonía.

Ergueremos os brazos, dura a testa, os ollos 
moi abertos, coas ansias, a porfía,
como os gomos e as uces, no enguedello
no madurar  de froitos de vivencia amiga.
E afundiranse as mans negras que incendian.
E triunfará a alegría.
E triunfará a alegría!  
Himno verde, Bernardino Graña.

SONS DA NATUREA. SONS DA FALA.
O paseo polo carballal resultou ser unha descoberta, un goce dos sons da natureza e dos sons da fala. Paxaros, sons de piñas, augas, lendas...fan do espazo natural e da lingua un lugar común que celebrar.

Nós queremos deixar estas palabras do noso poeta e poeta do mundo a madurar nas nosas mentes comprometidas para poder ter máis vivencias amigas. E triunfará a alegría!

Ningún comentario:

Publicar un comentario