venres, 22 de marzo de 2013

COMUNIDADE DE MONTES DE COIRO: @s nos@s guías


UNHA VEZ

 Unha vez houbo un home

Que nunca dixo ,meu.

Petóu nas portas do mundo,

Chamóu no meu corazón ...     (Celso Emilio Ferreiro)


Os homes e mulleres da mancomunidade de montes nunca din meu e grazas ao seu labor de recuperación e coidado do monte é que hoxe podemos gozar deste espazo natural.

 Nós tivemos a sorte de que nos contaxiaran co seu entusiasmo o amor pola natureza e o traballo comunitario. De  xeito totalmente altruísta colaboran cos centro educativos na  trasmisión de valores ecoloxistas .

Con eles aprendemos o verdadeiro significado de MAN COMÚN.




Interesáronnos moito os valores nos que se fundamenta o concepto de monte en man común. Investigamos e atopamos este documental. Unha xoia que non podemos perder  (http://www.cmg.xunta.es/visor/dspace.asp?TIPO=VIDEO&COD=714


Danos moito orgullo saber que a xestión comunal do monte é unha característica propia  de Galicia e que  mesmo está a ser utilizada para explicar  o concepto de  “procomún” comparándoa  co folklore e o software libre como formas de autoxestionar un ben de forma colaborativa establecendo  normas que buscan garantir a sostenibilidade dese ben. Non deixedes de visitar este enlace.


mércores, 13 de marzo de 2013

Normas do sendeirista


Todo mundo está a falar nos corredores da nosa saída á fraga e sempre hai alguén que nos fai algunha achega. Esta vez trouxéronnos a peli “o bosque animado”. Está guai. Alí os animaliños saúdanse dicindo “ que o home te ignore”. Nós para facer o noso paseo como debe ser elaboramos un listado de normas e, ademais das postas en común nas clases, levámolo  para  ler en familia.

De normas dun sendeirista

venres, 15 de febreiro de 2013

Usos do carballo


“Forte coma un carballo”, esta expresión vén da calidade da madeira desta árbore. Aprendemos como o seu aproveitamento vén dende moi atrás non sempre de xeito sostible. Agora debemos comprometernos no coidado das carballeiras que sobreviven.

xoves, 17 de xaneiro de 2013

Buscamos información na biblioteca



Na espera do noso paseo, seguimos aprendendo moito da importancia do bosque caducifolio autóctono que un día tamén cubriu o interior da nosa vila. Aproveitamos e formámonos como usuari@s da biblioteca.
Temos que saber interpretar os números e as letras das etiquetas dos libros: titulo, autor, sección…Divírtenos subir e baixar a escaleira e por fin atopar o tan ansiado libro. Pero o que realmente queremos é tocar as árbores reais.



mércores, 12 de decembro de 2012

O Carballal


Os de 3º foron polas aulas preguntando quen coñecía o carballal de Coiro e de 300 alumnos e alumnas  só 23 dixeron que estiveran alí, iso que o noso centro pertence á parroquia de Coiro. Xa temos ganas de ir  pero chove que chove e aínda non toca. Mentres debemos de saber que este lugar é parte do patrimonio natural de Cangas e como tal constitúe un elemento clave de afirmación da nosa identidade.


martes, 27 de novembro de 2012

Guión

Este é o reto co que arrinca a nosa participación no Plan proxecta: 12 meses 12 paisaxes: Coñecer, valorar, conservar e divulgar un espazo natural da nosa contorna: O Carballal de Coiro. Escollémolo porque todo o mundo coñece Cangas polas súas praias, Rodeira, Liméns, Nerga... pero moi poucos son os que saben da existencia deste espazo que acubilla tanta biodiversidade. Convertémolo nun proxecto interdisciplinar a desenvolver ao longo deste curso 2012-2013.