sábado, 4 de xuño de 2016

Este ano plantamos árbores :



ESTE ANO PLANTAMOS ÁRBORES : 

Unha vez máis os veciños e veciñas da comunidade de montes de Coiro contaxiaron co seu entusiasmo  o amor pola natureza e o traballo comunitario ao alumnado de 1º da E.S.O. do I.E.S. de Rodeira .
 De  xeito totalmente altruísta colaboran co profesorado   na  transmisión de valores: ecoloxistas, solidarios, comprometidos, cooperativos...desde hai catro cursos.


Esta vez tocou colaborar na plantación de 30 árbores  de especies autóctonas( cerdeiras, freixos e bidueiros )  no lugar chamado "Chan de loureiro". Estas árbores procedían de plantas crecidas noutros lugares deste monte.








O alumnado acompañou a plantación coa lectura do poema "Brinde da fraga amiga" do noso poeta e académico Bernardino Graña, e tamén de  poemas de Manual María coma o do  Carballo: 












Fagamos torres de babel en soutos,
carballeiras profundas, romarías,
sombras ledas de erguermos aturuxos,
gaitas, fervenzas, voz de furnas íntimas
onde medran as raíces do misterio,
ventos a vir con furia desde as costas,
da nosa xente ao lonxe, de saudades, de iras

                                                                Bernardino Graña 

  Carballos
  ¡Carballos rexos, potentes,
    Calados ou musicales
    Que loitais como valentes
    Coas xistras e os vendavales!                                      

   ¡Duros carballos verdeados,
    petrucios e sedentarios!
  ¡Estades na Chá chantados
   solemnes e centenarios!

  ¡Como amo a vosa beleza
   da máis baril sobriedade!
  ¡Que sensación de forteza
   ollando prá eternidade


                                         Manuel María

 E vimos rastros de xabarín:




 ... e moitos cágados nunha charquiña de auga a punto de quedarse sen auga. Poidemos trasvasar varios hasta un regato con máis auga:





Desgraciadamente nun lugar coma este tamén atopamos restos dun verquido ilegal , escombros con trozos de mobles dun salón :



Durante semanas algúns nenos e nenas de 1º da ESO  no seu tempo libre do recreo prepararon un mural xigante sobre o Carballo , destacando todo a vida que xira entorno a eles e como funcionan como un ecosistema propio:



Así todos disfrutamos desta información .

Volveremos de cando en vez a ver como medran  as nosas árbores!


Agardamos continuar co traballo no Carballal de Coiro no próximo ano.
 Seguiremos traballando en "mancomún"!

martes, 2 de xuño de 2015

VALORACIÓN:

Uns días despois e xa coas ideas reposadas fixemos a nosa valoración. :





xoves, 28 de maio de 2015

GRAZAS Á XUNTA DE MONTES :

Coma nos anos anteriores tivemos uns guías estupendos que nos abriron os ollos :








BUSCAMOS ANIMAIS: 


Os animais resistíronse a nosa procura, agás algún paxaro e os  tritóns, pero si atopamos varias mostras de que a carballeira é un lugar con moita vida .







PRIMAVERA!

A vexetación estaba en plena floración

Galicia frorida,
cal ela ningunha, 
de frores cuberta,
cuberta de espumas.

Rosalía de Castro







mércores, 27 de maio de 2015

CAMIÑAMOS
 camiñamos e camiñamos...



e traballamos :

Como saímos dende Ermelo vimos varios  postes con información de  cousas  que nos interesaron interesantes:





POR FIN SAÍMOS Ó CARBALLAL!

Outro ano máis saímos a coñecer o Carballal de Coiro. Despois de tanto traballar tamén un pouco de diversión!
Coma nos 2 anos anteriores  fomos acompañados por membros da Xunta de Montes, que prepararon a saída,  acompañáronnos  e  foron explicando moitísimas cousas nesta saída.

Levamos unhas libretiñas que deseñamos na aula e nas que   por un lado levabamos o mapa topográfico da zona, e polo outro lado  apuntamos todo o que nos contaban e  o que recoñecíamos na saída.




domingo, 17 de maio de 2015

DÍA DAS LETRAS GALEGAS:

Participamos na actividade organizada polo instituto ó redor deste día. Os grupos de 1º da ESO apadriñamos palabras en  galego para falar da nosa carballeira:  plantas, árbores, animais e paisaxe . Escribímolas en papeis e metímolas en botes.
 No patio do centro berramos as palabras para que todos os  as escoitaran!
FIUNCHO!
ESTRALOTE!
BUBELA!
BOUZÓS! 
Tamén fixemos  pancartas coas que nos rodeamos para representar mellor o noso compromiso de aprender e utilizar estas palabras.

Non esquezas as verbas estirpe
que son morte para o estranxeiro opresor, elas nos lavan
Sempre dirás : URCES
Repite : os carballos
Méndez Ferrín




luns, 20 de abril de 2015

Este mes de Abril participamos nas V  Xornadas de Xeografía e Historia de Agostiño Entenza organizada polo seminario de Xeografía e Historia.
Entre varias cousas estudamos o funcionamento dun muíño de auga.
E un compañeiro fixo unha maqueta do Muiño de Fausto :




mércores, 15 de abril de 2015

APRENDIMOS SOBRE OS ANIMAIS QUE HABITAN ESTE LUGAR:

Este mes estudamos os animais máis frecuentes que podamos atopar no paseo polo Carballal: mamíferos, aves, réptiles e anfibios.
Teremos sorte cando vaiamos de saída ?



sábado, 21 de marzo de 2015

DÍA DA ÁRBORE E DA POESÍA 

Para celebrar o día da árbore e xa que celébrase tamén o mesmo día : o día da poesía,  estas semanas  trouxemos o bosque ó instituto!
Que cada folla nos axude a ver,  ler, falar e coñecer ós nosos poetas !


Leva cando menos unha man de auga
unha man de vento, un puño de terra,
unha folla verde da edra da casa,
unha pedra redonda, un libro
e non  esquezas a orixe
Sechu Sende 





martes, 11 de novembro de 2014

COMEZAMOS UN NOVO CURSO

Este curso estamos a preparar moitas actividades cos alumnos de 1º da ESO ó redor da Carballeira de Coiro. Con todas estos traballos intentaremos utilizar  tamén este medio noso coma unha aula de aprendizaxe incomparable.


FACEMOS UN HERBARIO

 
Comezamos no primeiro trimestre aprendendo a secar e prensar plantas. Fixemos uns herbarios coas follas das árbores máis frecuentes no Carballal. Clasificámolas e estudamos os seus nomes científicos, galegos e casteláns.
Xa podemos ir polo monte falando de castiñeiros, ameneiros, carballos. loureiros........




venres, 20 de xuño de 2014

BRINDE DA FRAGA AMIGA



BRINDE DA FRAGA AMIGA

Fagamos torres de babel en verde.
En árbores diversas como as linguas.
Fagamos torres de babel en vasos
comunicantes, saiba monte arriba,
manto e mornura con lentor de follas...
fagamos torres fraternais, selváticas 
de entrelazo de brazos que concerta e vibra.

Fagamos torres de babel en soutos,
carballeiras profundas, romarías,
sombras ledas de erguermos aturuxos,
gaitas, fervenzas, voz de furnas íntimas
onde medran as raíces do misterio,
ventos a vir con furia desde as costas,
da nosa xente ao lonxe, de saudades, de iras.

Bamboleemos o loureiro, as cepas
de encadreladas e vizosas viñas,
sebes, devesas, touzas ou xesteiras,
herbas ou flores frescas baixo as brisas,
mesturación de plantas e paxaros tolos
nunha selva confusa en harmonía.

Ergueremos os brazos, dura a testa, os ollos 
moi abertos, coas ansias, a porfía,
como os gomos e as uces, no enguedello
no madurar  de froitos de vivencia amiga.
E afundiranse as mans negras que incendian.
E triunfará a alegría.
E triunfará a alegría!  
Himno verde, Bernardino Graña.

SONS DA NATUREA. SONS DA FALA.
O paseo polo carballal resultou ser unha descoberta, un goce dos sons da natureza e dos sons da fala. Paxaros, sons de piñas, augas, lendas...fan do espazo natural e da lingua un lugar común que celebrar.

Nós queremos deixar estas palabras do noso poeta e poeta do mundo a madurar nas nosas mentes comprometidas para poder ter máis vivencias amigas. E triunfará a alegría!

domingo, 15 de xuño de 2014

PALABRAS COMPARTIDAS

Con estas actividades establecemos un auténtico diálogo cos veciños e veciñas, que resultaron ser verdadeiros axentes socializadores. Unha vez máis xunt@as descubrimos unha natureza e unha lingua que nos une,  por iso insistimos na importancia do seu coidado porque ámbalas dúas están en perigo de extinción.
 Neste diálogo quixemos agradecerlles, nun sinxelo pero afectuoso acto, todas as experiencias que compartiron con nós.
Eles non perderon a ocasión para mostrar interese polas actividades feitas no instituto e para lembrarnos a tradición de recoller herbas para facer o cacho.

Cacho from ferreiriño on Vimeo.

sábado, 14 de xuño de 2014

PINTA A TÚA ALDEA E PINTARÁS O MUNDO.

Tendo  esta cita de Tolsto tamén como referencia,  reflexionamos sobre a importancia da nosa natureza e valoramos o traballo das persoas que a coidan e comparten con nós todo o seu saber de xeito desinteresado.Porque cada pequeno paso que damos conta, Expuxemos as palabras de todos e todas, o zume necesario para unha árbore común.

venres, 13 de xuño de 2014

O FROITO DA INVESTIGACIÓN: APADRIÑAMENTO DE PALABRAS. ELABORACIÓN DE DÍPTICOS

Foron moitas as palabras  que escoitamos. Algunhas só as coñeciamos de ter consultado este blog, outras eran totalmente novas para nós. Todas resultaron un verdadeiro agasallo escoitadas nas voces das persoas do Monte en mancomún, que nos guiaron e explicaron con tanta claridade. Quixemos apadriñar algunha e fixemos marcapáxinas. Tamén elaboramos dípticos que recollen a información dos nosos apuntamentos. Todo isto fixémolo consultando os cadernos de traballo que leváramos ao monte.

mércores, 11 de xuño de 2014

PROTEXEMOS O HÁBITAT

Tomamos conciencia da importancia de protexer o hábitat e dos perigos que pode producir calquera neglixencia.
Temos que poñer moito coidado para evitar os efectos negativos en cadea.

protexemos o hábitat from ferreiriño on Vimeo.

HÁBITAT PRIORITARIO

A carballeira é un hábitat prioritario. Sol amósanos un carballo vello como exemplo do que ten que haber en todas as carballeiras. Porque é unha fonte de vida.
Explícanos como o ser humano pode aproveitar a leña sen necesidade de danar a árbore.

habitat prioritario vimeo from ferreiriño on Vimeo
Non é válido que un monte estea só ao servizo do ser humano. Ten que servir a todos os seres vivos : ratos, aves...
  .

VIDA ARREDOR DA CARBALLEIRA

Arredor dunha árbore coma esta hai moitísima vida, cousa que non encontramos arredor dun eucalipto. O carballo ofrece alimento a animais, ofrece servizo aos homes ...

vida arredor do carballal vimeo from ferreiriño on Vimeo.